Monday 20 de May de 2024

A Xunta contribúe a eliminar un punto de vertido de augas residuais ao río Vao, no concello de Coristanco


— Os técnicos do Programa de Control de Vertidos, dependente de Augas de Galicia, detectaron a incidencia nunha inspección rutineira

— O vertido tiña a súa orixe na rede de augas residuais urbanas do lugar, que anteriormente non contaba con sistema de depuración

— O ente autonómico advertiu ao Concello para que adoptase as medidas correctoras oportunas e constatou recentemente a solución do problema

A Xunta, a través de Augas de Galicia, contribuíu a eliminar un punto de vertido de augas residuais urbanas ao río Vao ao seu paso pola parroquia de San Paio, no concello de Coristanco. A orixe estaba na rede de augas residuais urbanas do lugar, que anteriormente non contaba con depuración.
O persoal do Programa de Control de Vertidos constatou durante unha inspección rutineira a existencia dun aporte de augas residuais que empeoraba a calidade das súas augas, tal como certificaron as análises das mostras recollidas na zona.

Unha vez constatada a existencia do problema, os técnicos de Augas de Galicia realizaron un seguimento xunto con persoal municipal, comprometéndose o Concello a realizar obras de saneamento para instalar na zona un sistema de depuración e eliminar así o foco contaminante que desembocaba no río .
O persoal do ente dependente da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático supervisou os traballos na zona e recentemente constatou a eliminación do punto de vertido tras a posta en servizo do novo sistema de depuración en San Paio e a conexión das augas residuais a este.

Deja un comentario